top of page

PROXECTOS

Odisea

Odisea é o proxecto que iniciou a nosa formación de música de cámara e o nome do noso primeiro disco. Trátase dunha busca da riqueza sonora para mostrar a diversidade da música clásica.

 

Partimos do son fóra de Occidente, pasando polas influencias da música tradicional e popular das correntes nacionalistas do século XX. Os tres timbres de vento, corda e tecra que conforman o noso grupo abren a súa gama sonora, acadando un resultado moi especial e característico. Nestas pezas xogamos coas confluencias da tradición e a academia, interpretando obras que exploran as posibilidades tímbricas dos tres instrumentos. Tratamos a música dende as súas orixes primixenias co canto e a danza como expresión da cultura autóctona ata a súa evolución á sonata e mesmo á obra conceptual.

 

Foron escollidos compositores que se inspiran na música tradicional do seu país como R. Groba, P. D'Rivera, B. Bartok, outros que beben da súa formación na música clásica occidental como J. Turina, N. Kapustin e S. Coleridge-Taylor, e outros que crean novas correntes a partir da música clásica das súas culturas, como R. Shankar.

 

Odisea é esa posta en común do valor dun mundo no que se coñecen e se aprecian as culturas que o compoñen.

Perspectivas

No seu libro, A Room of One's Own, Virginia Woolf cóntanos como "durante a maior parte da historia, anónimo foi unha muller". A pesar das súas brillantes vidas e carreiras, moitas mulleres compositoras permaneceron practicamente no anonimato mentres que os compositores masculinos pasaron a formar parte do canon. Este proxecto ofrece un varrido histórico que abrangue dende o s. XII ata a actualidade, coa finalidade de facer xustiza e afondar no traballo de mulleres excepcionais na historia da música.

 

Perspectivas é a nosa homenaxe ao legado oculto das mulleres compositoras

bottom of page